Tuesday 21 de May de 2024

Lete Lasa destaca o patrocinio do Xacobeo á Gold River Race que enxalza a cultura e a natureza de Galicia


― A Gold River Race é a proba de piragüismo máis longa de toda Europa cun percorrido de 100 quilómetros en tres diferentes etapas, as que transcorren entre Quiroga e Santo Estevo de Ribas do Sil, Ourense e Castrelo de Miño e a que vén de rematar hoxe entre Crecente e Salvaterra de Miño

― Destaca o patrocinio do Xacobeo nesta proba, cunha axchega de 20.000 euros e apunta que “non dista moito a esencia desta Gold River Race da do Camiño que construíu Europa xa que os valores do deporte sempre foron unha fonte de inspiración para os peregrinos”

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, destacou a importancia da primeira edición da Gold River Race como “un evento deportivo único” e “unha manifestación de todo o que vertebra a Galicia: as súas orixes, a súa natureza e a súa cultura”.

A Gold River Race é a proba de piragüismo máis longa de toda Europa cun percorrido de 100 quilómetros en tres diferentes etapas, as que transcorren entre Quiroga e Santo Estevo de Ribas do Sil, Ourense e Castrelo de Miño e a que vén de rematar hoxe entre Crecente e Salvaterra de Miño.
Lete Lasa destacou que non hai mellor deporte que o piragüismo para unha proba que “abraza toda a nosa idiosincrasia” e lembrou que un total de 17 padexeiros galegos e galegas participaron nos Xogos Olímpicos ao longo da historia, sendo a disciplina máis concorrida tras o atletismo. Neste sentido tamén destacou a grandes padexeiros de Galicia como David Cal, Teresa Portela ou Adrián Mosquera que en Toquio converterase no primeiro padexeiro galego en participar nuns Xogos.

O mandatario galego destacou tamén o patrocinio do Xacobeo nesta proba, cunha axchega de 20.000 euros e apuntou que “non dista moito a esencia desta Gold River Race da do Camiño que construíu Europa xa que os valores do deporte sempre foron unha fonte de inspiración para os peregrinos”.

Tras agradecer o traballo dos clubs organizadores -Club Marítimo de Vigo e Club de Piragüismo Olívico- así como das federacións galega e española, Lete Lasa augurou moitos anos de éxitos á Gold River Race.